A cidadanía confirma o éxito dos Bonos Cultura do PRESCO

A cidadanía confirma o éxito dos Bonos Cultura do PRESCO

As persoas consumidoras destes bonos remataron os 355.000 euros de financiación máxima antes do prazo ampliado, o 31 de decembro de 2020 O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, asegura que “as cifras falan por si mesmas e os resultados dos Bonos do PRESCO están sendo un éxito” e, di, “o tecido cultural da cidade da Coruña conta xa con 355.000 euros de financiación por parte do Executivo local”

A cidadanía confirma o éxito dos Bonos Cultura do PRESCO ao esgotalos antes de rematar o prazo que o Concello da Coruña ampliou até o 31 de decembro de 2020. O investimento máximo que se destinou ao sector cultural a través destes bonos desconto era de 355.000 euros, unha cantidade que as e os consumidores esgotaron esta semana coas últimas compras de Nadal nos 73 establecementos adheridos da cidade.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, asegura que “as cifras falan por si mesmas e os resultados dos Bonos do PRESCO están sendo un éxito” e, di, “o tecido cultural da cidade da Coruña conta xa con 355.000 euros de financiación por parte do Executivo local que dirixe Inés Rey”. Ademais, o concelleiro destacou que as e os consumidores “gabaron esta iniciativa do Concello” ao conseguiren “grandes descontos” nos seus libros, cómics, instrumentos musicais e demais productos que ofrecen os establecementos adheridos aos Bonos Cultura.

Desde a Concellería de Economía, Facenda e Réxime Interior apuntan que os descontos do PRESCO para a cultura propiciaron 15.748 transaccións nestes locais, que facturaron un total de 839.980 euros en vendas. Lembran que os descontos para a hostalaría e o comercio local seguen activos e operativos para todas as persoas consumidoras até o último día deste ano.

O PRESCO, cuxa vixencia remata o 31 de decembro, supuxo a mobilización de 13,2 millóns de euros en distintas liñas de axudas. Aínda que o plan remata este mes, os pagos ás e aos solicitantes das axudas directas continuarán a producirse durante o arranque do 2021. Máis de 2.500 persoas autónomas, micropemes, artistas e profesionais de distintos ámbitos teñen percibido xa fondos municipais para a reactivación económicos procedentes das distintas liñas do plan.