Concello e Deputación coordinarán axudas por un importe de 1,2 millóns de euros dirixidas á hostalaría e ao comercio local

Concello e Deputación coordinarán axudas por un importe de 1,2 millóns de euros dirixidas á hostalaría e ao comercio local

  • Post category:PRESCO

Ambas as administracións abren unha nova liña que se suma aos máis de 13,2 millóns de euros que o Goberno local destina ás persoas autónomas e ás pemes a través do PRESCO. Tanto a alcaldesa como o presidente do organismo provincial reclamáronlle á Xunta unha maior coordinación entre as administración para que axudas poidan chegar canto antes ás persoas que máis as precisan.

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que a Deputación da Coruña reforzará con 1,2 millóns de euros ao Plan de Reactivación Económica e Social (PRESCO) para ampliar as axudas existentes destinadas ao sector da hostalaría e do comercio. Un reforzo económico que a alcaldesa lle agradeceu ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, con quen mantivo unha reunión de traballo esta mañá en María Pita, en que tamén estiveron presentes o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o voceiro do Goberno Local, José Manuel Lage.

Rey cualificou a achega da Deputación de “moi siginificativa e moi necesaria nun momento en que as novas restricións sanitarias poñen de novo o foco en sectores xa moi golpeados, como o sector da hostalaría, con este peche que se inicia esta noite e que durará un mes”. Un sector, dixo, que sufriu as consecuencias do peche durante o confinamento e que agora máis que nunca reclama o apoio das administracións públicas “que, lonxe de discutir sobre as medidas, debemos poñernos a traballar da man para axudarlles aos sectores que peor o están a pasar”. Neste sentido, Rey lembrou que o seu goberno local foi o primeiro en habilitar axudas directas dirixidas ás persoas autónomas dos sectores do comercio e da hostalaría, que poden chegar aos 6.000 euros por persoa. “Fomos a primeira administración en responder e a primeira administración en pagar”, recalcou.

A rexedora recriminoulle á Xunta a súa tardanza, oito meses, en anunciar as súas medidas que publicou onte e “que nós celebramos pero que celebraremos aínda máis cando sexan efectivas”. Neste momento, dixo, unha persoa autónoma pode acceder a través do PRESCO a 12.000 euros (6.000 de axudas directas e 6.000 de bonos desconto). As ditas axudas estanse a pagar desde o mes outubro e foron solicitadas por máis de 3.837 persoas.

Un plan, subliñou a alcaldesa, que se reforza coa achega da Deputación, “unha administración que amosa unha vez máis que se pon á disposición da cidadanía e que fai políticas efectivas e reais ao lado das persoas que máis o necesitan e coa que seguiremos a traballar”. Rey tamén lembrou a intención do Goberno local de ampliar con máis de 2 millóns de euros as axudas. Para iso, confía en contar co apoio de todas as forzas políticas, como aconteceu no mes de xullo cando se puxo en marcha o primeiro PRESCO.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín Formoso, quixo destacar o feito de que con estas axudas a Deputación e os concellos están respondendo a unha demanda social e económica urxente desde administracións que non teñen competencias na materia e ofrecendo así evidentes mostras de responsabilidade e “sen esconderse ante os problemas”. O presidente do organismo provincial valorou o esforzo que está a realizar o concello a través do PRESCO “que en tempo récord foi capaz de liderar unha resposta administrativa e institucional dirixida á hostalaría e ao comercio”.

Formoso explicou que a lei lles permite realizar actuacións excepcionais en materia de apoio ás cidades. “E creo que o contexto sanitario actual xustifica esa colaboración que se vai materializar na Coruña e tamén en Ferrol e Santiago”, dixo. Tamén fixo un chamamento á Xunta para acadar unha maior coordinación na concesión de das axudas e poder así darlle á cidadanía unha resposta práctica as súas situacións. Para iso, expuxo a necesidade de pór en marcha un Foro técnico en que as administracións coordinen as axudas para que sexan máis efectivas.

Tamén realizou un chamamento á Xunta para acadar unha maior coordinación na concesión de das axudas e poder así ofrecerlle á cidadanía unha resposta práctica á súa situación. Para iso, expuxo a necesidade de pór en marcha un foro técnico en que as administracións coordinen as axudas para que sexan máis eficaces.

NOVO PRESCO

Doutra banda, o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, confirmou a intención do executivo local de reforzar o actual PRESCO, tal e como se anunciou onte durante o Pleno. Neste sentido, Lage agradeceulle ao PP e BNG a súa boa disposición para apoiar un modificativo de crédito que confía poida que levarse a acabo o antes posible. O Goberno local, subliñou, intentará acadar un consenso con todas as forzas políticas na posta en marcha dun segundo PRESCO.

Por iso agarda que ninguén faga política “*de regate corto” e que se poñan por diante os intereses da cidadanía para “combater a pandemia do coronavirus e axudarlles aos sectores económicos máis afectados. Estamos diante dunha crise económica profunda que necesita respostas”.

Tamén reivindicou a proposta do presidente da Deputación á Xunta para “poñer os recursos de todas as administracións nunha mesma dirección” e destacou que “están moi ben os anuncios pero polo de agora só o Concello da Coruña e a Deputación son os que están a dar os pasos necesarios para lle axudaren a que máis o necesita”. Lage quixo agradecerlle á Deputación a súa implicación no PRESCO cunha achega “totalmente excepcional”. “Todas as axudas que podemos habilitar desde o concello dirixidas á hostalaría e aos comercios estsámolas habilitando”, dixo o voceiro, quen lembrou que o concello eximiu os establecementos de hostalaría de pagaren as taxas municipais.