
Susana Seivane Trío
Comezou a súa andaina musical s anos de idade aos 3 anos de idade da man do seu pai, Álvaro Seivane. Aos 9, trasládase, xunto coa súa familia, a Cambre (A Coruña). Xa en Galicia, entra en contacto con mestres gaiteiros da talla de Ricardo Portela ou Moxenas que, xunto co seu propio avó, Xose Manuel Seivane, influenciarían grandemente o seu xeito de entender e interpretar a música tradicional galega.
Susana cursou estudos de solfexo e piano e formou parte de diferentes agrupacións musicais tradicionais. Aos 20 anos toma contacto cos escenarios da man do grupo Milladoiro como artista invitada.
A partir deste momento comeza a súa andaina como solista creando un estilo xenuíno que, lonxe de perder de vista o aire enxebre dos antigos gaiteiros, ábreo ás influencias doutras músicas. Consegue, deste xeito, un enfoque fresco e orixinal. Unha mestura áxil e moderna que afonda a súa raizame no máis profundo da tradición galega, deixando arrolar a súa ramaxe nos ventos dos novos tempos.
Susana faise acompañar por un elenco de músicos de talento. Con eles consegue un espectáculo gran fresco, dinámico e orixinal que mantén a diversión do público dende os primeiros compases ata o último bis.