Máis de 6.300 persoas xa desfrutan dos bonos desconto do PRESCO
PRESCO, bonos desconto

Máis de 6.300 persoas xa desfrutan dos bonos desconto do PRESCO

  • Post category:PRESCO
  • Esta campaña de incentivos ao comercio, que mobiliza 1.670.000 euros, xa conta con 1.485 comerciantes adheridos: 68% comercios, 21% hostaleiros e 11% da industria cultural

A campaña de incentivos ao comercio, á hostalaría e á cultura que o Concello da Coruña puxo en marcha o pasado 5 de agosto dentro do Plan de reactivación económica e social da Coruña leva 1.485 descargas da APP Comerciantes. Canto ás persoas que xa se descargaron bonos desconto ata o momento, suman un total de 6.315.

Trátase dunha campaña que mobiliza 1.670.000 euros, que chegan de forma directa ao comercio de proximidade, á hostalaría e á industria cultural da cidade, mediante a posta en marcha de bonos desconto: Bono 10 para comercio de proximidade por compras iguais ou superiores a 30 euros e Bono 5 para hostalaría por compras superiores a 20 euros e Bono Cultura co que se poderá acceder a descontos do 40% en produtos culturais a partir dun gasto de 10 euros sen I.V.E. para fortalecer o consumo e a industria cultural.

Ata o momento, o 68% dos establecementos rexistrados son comercios, o 21% negocios de hostalaría e o 11% corresponde ao sector cultural.

Segundo o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, trátase “dunha das medidas máis relevantes do Plan de reactivación económica e social da Coruña”.  Desde a aparición da COVID-19, o Goberno local leva mobilizados máis de 15 millóns de euros, “unha cantidade superior a calquera outra inversión levada a cabo polo concello en décadas”, asegura.