O Concello abre hoxe o prazo de inscrición para os programas de formación en liña no marco do PRESCO
PRESCO, formación

O Concello abre hoxe o prazo de inscrición para os programas de formación en liña no marco do PRESCO

  • Post category:PRESCO
  • O Goberno local pon ao dispor das persoas rexistradas que non conten con medios tecnolóxicos unha aula con ordenadores e asistencia técnica para poder realizalas

O Concello, a través da Concellería de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, lanza unha oferta de 50 accións formativas en liña con preto de 3.000 prazas gratuítas para facer fronte ás consecuencias socioeconómicas xeradas pola pandemia. O prazo de inscrición para este programa de formación, impulsado no marco do Plan de reactivación económica e social da Coruña (PRESCO), comeza hoxe ás 10.00 h e rematará o 31 de outubro cando se esgoten as prazas dispoñibles.

O Concello pon ao dispor das persoas rexistradas que non conten con medios tecnolóxicos unha aula con ordenadores e asistencia técnica para poder realizar as acción formativas elixidas.

A alcaldesa lembrou que o Concello vén de “ampliar a campaña dos bonos de desconto do Plan de reactivación económica e social ata o 31 de decembro co obxectivo de que o pequeno comercio e a hostalaría poida seguir beneficiándose desta iniciativa da que xa forman parte máis de 700 establecementos e máis de 24.000 particulares” e, asegurou, “no PRESCO tamén se inclúen partidas orzamentarias para a formación da cidadanía, con esta medida destinada ás persoas desempregadas, en situación de ERTE, profesionais que cesaron na actividade ou persoas traballadoras temporais que busquen mellorar o seu emprego”.

A concelleira de Emprego, Eva Acón, explica que “a situación actual na que nos atopamos propicia que debamos enfrontar unha nova realidade e que a formación en liña pase a formar parte do presente para potenciar as nosas habilidades, crear un mellor perfil profesional e académico e xerar maiores probabilidades de contratación en futuros empregos”.

Os requisitos para realizar esta formación son ser maior de 16 anos e estar empadroado/a no Concello da Coruña.

A maioría das accións formativas pódense realizar mesmo no teléfono móbil. Cada persoa poderá seleccionar dúas accións formativas de calquera das áreas de especialización: idiomas, ofimática, informática, márketing, administración de empresas ou prevención de riscos laborais.

As accións formativas estarán dispoñibles para se realizaren desde o día da inscrición até o 6 de decembro cunha forma integramente en liña e accesibles na modalidade 24/7, é dicir, durante as 24 horas do día e calquera día da semana.

Pódese consultar toda a información en www.coruna.es/emprego ou en www.formacionlinepresco.com.