O concello amplía a campaña dos bonos PRESCO ata o 31 de decembro
Bonos Presco, ampliación

O concello amplía a campaña dos bonos PRESCO ata o 31 de decembro

  • Post category:PRESCO

 

  • Os descontos chegarán ata o 50% e duplicarase o importe máximo por establecemento

O concello ampliará a campaña dos bonos de desconto do Plan de reactivación económica e social ata o 31 de decembro co obxectivo de que o pequeno comercio e a hostalaría poida seguir beneficiándose desta iniciativa da que xa forman parte máis de 700 establecementos e máis de 24.000 particulares.

Esta mañá reuniuse a comisión de seguimento dos convenios coas entidades colaboradoras FUCC (Federación Unión de Comercio Coruñesa), Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña e a Fundación Emalcsa para avaliar o funcionamento desta iniciativa dous meses despois da súa posta en marcha. O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, sinalou que “seguindo a prioridade marcada pola alcaldesa, Inés Rey, de estar preto do pequeno comercio, da hostalería e da industria cultural neste momento tan complexo, decidiuse atender as súas demandas e ampliar a campaña dos bonos ata o 31 de decembro, así como duplicar o tope de gasto por establecemento, ata os 6.000 euros no pequeno comercio e na hostalaría e ata os 10.000 euros no caso de cultura”.

Co obxecto de dinamizar o uso dos bonos, o concelleiro destacou que “se incrementarán as contías dos descontos para facer aínda máis atractivo o seu uso por parte das e dos cidadáns”. Deste xeito, o desconto do Bono Comercio será de 15 euros por compras iguais ou superiores a 30 euros, o Bono Hostalaría será de 5 euros por compras superiores a 10 euros e co Bono Cultura poderase acceder a descontos do 50% en produtos culturais a partir dun gasto de 10 euros, sen IVE, co obxectivo de fortalecer o consumo e a industria cultural.

Por último, o concelleiro sinalou que tamén se estenderá a caducidade dos bonos ata o 31 de decembro ao mesmo tempo que se reactivarán os bonos expirados que non estivesen gastados. “Queremos que os 1.670.000 euros consignados cheguen de forma directa aos sectores que máis o precisan e por iso animamos a todas as coruñesas e coruñeses a usar os bonos no comercio local da cidade”.

O programa de bonos vai dirixido a todos os establecementos de autónomas/os ou microempresas da cidade e os bonos poden ser descargados por calquera persoa maior de 14 anos que se dea de alta na web (presco.gal).