O CONCELLO COMEZA O PROCESO DE MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA CO NOVO SISTEMA DE CITA PREVIA

O CONCELLO COMEZA O PROCESO DE MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA CO NOVO SISTEMA DE CITA PREVIA

  • Post category:PRESCO

Os usuarios dos diferentes servizos poden solicitar cita dende a web do Concello ou dende o móbil, xestionar as súas citas nos seus dispositivos e coñecer os tempos de espera á súa chegada ás distintas dependencias municipais. Desde o pasado 18 de maio o Concello xestionou máis de 7.600 citas. Nas distintas dependencias municipais instaláronse cerca de 200 mamparas, dispensadores de hidroxel en todos os departamento e sinalética no chan para garantir a separación e o tránsito ordeado.

A causa da situación creada pola pandemia do Covid-19, e co fin de garantir a mellor atención posible aos cidadáns, o Concello da Coruña, a través da Concellería de Economía, Facenda e Réxime Interior, ven de poñer en marcha un novo sistema de cita previa e de xestión de citas para facilitarlle ás persoas a súa relación cos distintos servizos da Administración local. A actuación enmárcase dentro da estratexia de transformación dixital posta en marcha polo goberno, adiantándose a súa implantación a causa da pandemia. “Esta é a primeira de moitas iniciativas de modernización tecnolóxica que poremos en marcha neste mandato”, dixo o concelleiro de Econonía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.

O pasado 18 de maio o Concello retomou a atención presencial aos cidadáns e o fixo aplicando todos os protocolos de seguridade para garantir a saúde dos usuarios e dos empregados públicos. Co fin de minimizar as molestias e de poder manter a calidade dos servizos instaurouse un sistema de cita de previa que facilita aos cidadáns concertar a súa cita co servizo que precisen mediante diferentes canles.

Desde o 18 de maio pódense pedir citas a través da páxina web municipal e tamén a través do 010. Agora, ademáis, é posible facelo mediante un novo programa, incluido tamén na web municipal, que non precisa descargas e que se pode xestionar desde o teléfono móvil dos usuarios. O programa permite non só solicitar cita escollendo entre os horarios dispoñibles, senón tamén xestionar e cambiar ditas citas de xeito telemático cando xurde algún imprevisto. Asemade, é posible tamén solicitar cita chamando ao número de teléfono 881 50 51 01. Dende que se retomou a atención presencial o Concello leva xestionadas máis de 7.600 citas.

O novo sistema de cita previa permite ao cidadán que ten reservado día e hora para as súas xestións, confirmar a súa chegada ás dependencias municipais mediante a lectura dun código QR situado na entrada das distintas oficinas. O código facilita tamén a quen está a esperar saber canto tempo lle resta para ser atendido.

Máis alá do novo programa, nos rexistros municipais ubicáronse máquinas dispensadoras de tiques e pantallas con información sobre as quendas de espera. A recepción dos cidadáns está organizada por persoal municipal (conectado co novo sistema a través dunha tableta) que atende na porta, imprime os tiques e organiza as entradas co fin de garantir a seguridade en ditos centros.

“Fixemos un esforzo por conciliar a atención aos cidadás coas necesarias medidas de seguridade. O goberno que preside Inés Rey estableceu como prioriade a mellora dos servizos aos veciños e veciñas desta cidade. A modernización pasa por facerlle a vida máis fácil aos cidadáns, por achegarlle servizos e por abrirlle as portas do Concello desde a súa casa”, indicou o concelleiro, que recordou que o Presco recolle tamén cerca dun millón de euro de orzamento para a transformación dixital do Concello.

O novo servizo está dispoñible nos catro rexistros e centros de atención cidadá de María Pita, Ágora, Fórum e A Franxa e no vindeiro mes extenderase, entre outras, as áreas de Urbanismo, Benestar Social e Deportes. Ademais, desde a web tamén é posible actualmente reservar hora e día para atención persoal nas oficinas de Urbanismo e Mobilidade.

Nos catro rexistros instaláronse mamparas para garantir a separación (11 na Franxa, 11 en María Pita, 4 no Ágora e 3 no Fórum), así como dispensadores de hidroxel a sinalética no chan para manter as distancias e dirixir o tránsito polo interior dos locais.

Ademais, o Concello tamén instalou outras 157 mamparas de separación repartidas entre centros cívicos, bibliotecas, servizos administrativos e dependencias da Policía Local, lugares onde tamén existen dispensadores de hidroxel.