O CONCELLO POÑERÁ EN MARCHA O PRESCO AO DÍA SEGUINTE DA APROBACIÓN DO MODIFICATIVO, EVITANDO ASÍ UN MES MÁIS DE TRAMITACIÓN

O CONCELLO POÑERÁ EN MARCHA O PRESCO AO DÍA SEGUINTE DA APROBACIÓN DO MODIFICATIVO, EVITANDO ASÍ UN MES MÁIS DE TRAMITACIÓN

  • Post category:PRESCO

Recorrerá ao artigo 175 da Lei de Facendas Locais na tramitación do Modificativo do Orzamento para aprobar o PRESCO (Plan Reactivación Económica e Social da Coruña). Esta vía posibilitará facer uso dos fondos do modificativo de crédito para poñer en marcha o Plan de Recuperación Económica e Social (PRESCO) ao día seguinte da súa aprobación inicial, evitando así un mes máis de tramitación. A alcaldesa, Inés Rey, aclarou que na sesión que non estivo aberta ao público por motivos de seguridade sanitaria ante a petición do grupo de Marea Atlántica de permitir a entrada a persoal da antiga Alcoa. A alcaldesa recordoulle ao edil da Marea, Alberto Lema, que a decisión foi adoptada por todos os grupos antes do pleno.

O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, anunciou hoxe na quenda de mocións da sesión plenaria que o Concello recorrerá ao artigo 175 da Lei de Facendas Locais na tramitación do Modificativo do Orzamento para aprobar o PRESCO (Plan Reactivación Económica e Social da Coruña). Esta vía posibilitará facer uso dos fondos do modificativo de crédito para poñer en marcha o Plan de Recuperación Económica e Social (PRESCO) ao día seguinte da súa aprobación inicial, evitando así un mes máis de tramitación. O Concello disporá de máis de 4’4 millóns de euros para o (PRESCO), procedentes do Remanente Xeral de Tesourería do ano 2019, e espera sumar a esa cantidade entre 7 ou 8 millóns máis de partidas reorientadas do orzamento vixente.

Lage anunciou esta decisión durante o debate dunha moción presentada polo PP sobre o plan de apoio á asociacións, autónomas e pemes que foi apoiada por unanimidade. Tamén recordou que o Goberno local está tramitando o adianto das axudas e convenios de entidades sociais, deportivas e culturais.

O Goberno Local respondeu hoxe durante a sesión plenaria, nunha moción presentada polo do BNG e Marea Atlántica sobre a venda da planta de Alu Ibérica, que o seu compromiso co persoal e co futuro da fábrica é total. Segundo a edil de Industria, Eva Acón, o executivo local reclamaralle á Xunta e ao Goberno do Estado medidas para protexer o emprego e a continuidade da actividade económica de Alu Ibérica. Lembroulles que a alcaldesa mantivo unha reunión co comité de empresa onde lle informou de que esixirá información sobre a “dubidosa” venda da planta de Partner, grupo que non cumpriu o acordo inicial asinado, e que a compra por parte dun grupo inversor non semella acreditar garantías de futuro. Tamén lles lembrou que mantivo varias comunicacións coa alcaldesa de Avilés para solicitarlle conxuntamente ao Estado toda a información sobre esta venda.

No debate deste asunto, a alcaldesa, Inés Rey, tivo que aclarar que a sesión plenaria de hoxe non estaba aberta ao público por motivos de seguridade sanitaria ante a petición do grupo de Marea Atlántica de que se lle permitise a entrada ao persoal traballador da antiga Alcoa. A decisión de que fora pechada ao público a sesión foi consensuada por todos os grupos antes do pleno.

Por outra banda, o Goberno local estudará a posibilidade de promover, a través da Oficina Municipal de Dependencia, a creación de comunidades de coidado compartidos de maiores (cohousing). O Concello facilitará o acceso á tecnoloxía e á formación aos maiores para reducir a fenda dixital e favorecer a súa socialización e impulsará o grupo de “Persoas Maiores” dentro do Consello Local de Saúde. Neste mesmo punto da sesión, en resposta a unha moción da Marea Atlántica, a Corporación acordou instar á Xunta a posta en marcha de residencias municipais de proximidade para maiores en colaboración co concello.

concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, agradeceu o labor do persoal voluntario do servizo de Axuda a Domicilio e fixo un reconto de todos os programas sociais postos en marcha desde a súa concellería no Estado de Alarma para facer fronte ás necesidades da veciñanza que se atopa nunha situación mais vulnerable. O Goberno Local anunciou tamén que retomará os trámites iniciados para a eliminación do copago no servizo de Axuda no Fogar. “Para garantir a súa gratuidade é necesario que tanto o Goberno como a Xunta fagan reformas na lexislación”, sinalou Neira. Pedirán ademais ao Goberno galego que revise os concertos establecidos coas residencias privadas e que de xeito progresivo incremente as prazas públicas destinadas a maiores.

Noutra das mocións, presentada pola Marea Atlántica, abordouse o convenio de colaboración do Concello coa Deputación e Tragsa para a limpeza viaria por un importe de mais de 600.000 euros. A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, lembroulle a este grupo que o contrato de limpeza, adxudicado á empresa o pasado 27 de febreiro, está recorrido e que, polo tanto, o Plan de Choque de Limpeza non se pode levar a cabo mediante esta empresa. Así mesmo, Fontán asegurou que o plan de choque de limpeza é agora “máis urxente que nunca ante a emerxencia sanitaria na que nos atopamos” e respecto á legalidade do convenio, posta en dúbida por algúns concelleiros da Corporación, queda “acreditada ante o informe favorable do secretario municipal”. A moción para instar ao Goberno local a paralizar o convenio de colaboración coa Deputación e Tragsa aprobouse co único voto en contra do grupo de goberno.

A raíz dunha moción de Ciudadanos, o Goberno local estudará a creación dunha tarifa plana para vehículos comerciais na zona ORA cuxo uso sexa imprescindible para o desenvolvemento da actividade profesional, que se incluiría no plan de Mobilidade. Ademais da exención de pago para vehículos de etiqueta CERO e a modificación da ordenanza fiscal que regula a taxa de estacionamento de vehículos de tracción mecánica na vía pública.

O Pleno apoiou a moción de Ciudadanos (emendada polos grupos de Marea e PP) para dotar os hospitais (CHUAC, Materno, Oza, Abente y Lago e o Ventorrillo) de aparcamentos para bicicletas e patinetes privados, e estender esta medida aos Centros de Saúde de Atención Primaria e centros escolares e deportivos.

Abordouse tamén unha moción do grupo do BNG para demandar á Xunta a elaboración dun plan de reactivación económica e social e ao Estado a derrogar a coñecida como Lei Montoro, que restrinxe utilizar o superávit e limita a capacidade de resposta municipal para contratar a persoal. Esta moción foi debatida ao mesmo tempo cunha moción do PP que plantexaba no seu inicio instar ao Goberno a respectar a autonomía das administracións locais. Neste caso o texto foi emendado pola Marea, PSOE e BNG, e finalmente aprobouse instar ao Goberno a facilitar mecanismos que posibiliten unha incorporación rápida de efectivos para lle facer fronte a emerxencia social derivada da pandemia. “Os concellos deben contar con recursos para responder de xeito áxil ás necesidades da veciñanza”,apuntou Lage, para o que é necesario “seguir a traballar na maioría de idade das administracións locais”. Aprobáronse as dúas cos votos favor de todas as forzas agás PP e Ciudadanos.

A Corporación apoiou a moción do BNG para reclamar á Xunta que estableza un sistema de acceso a luvas e máscaras dun xeito controlado e seguro, e garantindo que chegarán a todas aquelas persoas que o necesiten para o desenvolvemento da súa actividade.