Os cursos de formación do PRESCO pechan o seu prazo de inscrición con 3.600 matrículas

  • Post category:PRESCO
  • O gran éxito desta iniciativa conlevou a que o Goberno local ampliase 400 prazas ás ofertadas inicialmente, e programará novas accións formativas dentro desta modalidade para o ano 2021

O Concello, a través dos cursos en liña gratuítos do Plan de Recuperación Económica e Social da Coruña (PRESCO), remataron o seu prazo de inscrición cun total de 3.600 prazas de formación dirixidas a persoas desempregadas, en situación de ERTE, profesionais que cesaron na actividade ou traballadoras/es temporais que desexen mellorar o seu emprego.

No marco do PRESCO, o Goberno local abriu o 22 de outubro o prazo de solicitude dunha batería de 50 accións formativas de balde para 3.200 persoas, que rematou o pasado domingo despois de esgotar todas as prazas dispoñibles.  O gran éxito desta iniciativa conlevou a que se ampliasen as prazas dispoñibles, así as matriculacións ascenderon ata as 3.601.

Desde o Goberno local aseguran que “a actual situación socioeconómica en que nos atopamos propicia que debamos enfrontar unha nova realidade e que a formación en liña pase a formar parte do presente para potenciar as nosas habilidades, crear un mellor perfil profesional e académico e xerar maiores probabilidades de contratación en futuros empregos”.

O Concello programará novas accións formativas dentro desta modalidade para o vindeiro ano debido á gran demanda destes cursos. Toda a información sobre esta nova formación e as súas particularidades poderase consultar de forma detallada no portal web municipal do Servizo de Emprego.